Saturday 11 de May de 2024

O Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame convocan a V Andaina solidaria con ASGPOH e a terceira edición do Pequetrail


Haberá dispoñibles 400 prazas, terá lugar o sábado 18 de decembro e as inscricións estarán abertas dende hoxe mércores

O Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte abren as inscricións na quinta edición da Andaina Solidaria coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) e a terceira edición do Pequetrail, que terán lugar na mañá do sábado 18 de decembro no espazo natural de San Lourenzo (Tállara). A inscrición no Pequetrail é gratuíta, mentres que a da andaina ten unha cota de 6 euros, que serán doados a ASGPOH. Ambas as dúas inscricións están abertas en www.emesports.es.

O concelleiro de Deportes de Lousame, Jesús Martínez, anima a veciñanza a sumarse a esta iniciativa solidaria xa que “aínda que por mor da Covid-19 decidimos establecer un máximo de 400 persoas participantes, tamén hai dispoñible un Dorsal 0 para quen queira colaborar na recadación de fondos para a investigación desta enfermidade rara e non queira, ou no poida, vir presencialmente á andaina”.

As persoas participantes na Andaina Solidaria sairán do espazo natural de San Lourenzo ás 10:00 horas para percorrer 14 km dunha dificultade baixa. O percorrido ten unha dificultade baixa, polo que se estima a chegada dos primeiros camiñantes ás 13:00 horas no mesmo punto de saída. Estará permitido o acompañamento de mascotas, sempre baixo a responsabilidade da persoa propietaria e que non molesten a outras persoas, e haberá un avituallamento intermedio adaptado ás medidas do Protocolo Covid vixentes nese momento.

Na semana da Andaina, e unha vez finalizadas as inscricións, a organización enviará un mail a cada persoa participante con toda a información do evento e o protocolo a seguir. Deste xeito, deberán entregar, no momento da recollida de dorsais, o formulario de declaración de saúde Covid ou calquera outra documentación que se lles solicite, segundo as condicións sanitarias vixentes no momento da proba.

Pequetrail

Pola súa banda, a terceira edición do Pequetrail Castelo de San Mamede terá lugar o sábado 18 de decembro, a partir das 10:30 horas, na contorna do entorno natural de San Lourenzo. Haberá cinco categorías en tres probas: benxamín, alevín e infantil e cadete e xuvenil, que superarán un percorrido de 1, 2 e 7 quilómetros, respectivamente. As inscricións, como vén sendo habitual, serán totalmente de balde.

O Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame decidiron este ano separar nunha semana a celebración do Trail San Silvestre Lousame 2021 e a Andaina Solidaria xa que o protocolo Covid-19 dificulta a celebración de ambos eventos de forma conxunta (para evitar unha gran concentración de persoas). Ademais, a coincidencia co día de Nadal impide a súa celebración na mesma semana co Trail San Silvestre. Un Trail que, a día de hoxe, xa ten cubertas 329 das 500 prazas ofertadas (187 no trail curto e 142 no longo).

A Andaina Solidaria e o Pequetrail están patrocinadas por Construcións Fermín Simal SL, Hoka One One, 226ers, Gadis e Autos Comparado.